Todas las entradas de: higinio

I cocedura tradicional en el horno de pepa de bonxe

O día 20 de Outubro está previsto realizar o cocedoiro dunha fornada de pezas de barro tal e como facían tradicionalmente os cacharreiros da parroquia de Bonxe (Outeiro de Rei). Previamente, o día anterior, cargaranse os cacharros que se pretenden cocer para iniciar ás 11.30 horas unha operación que se desenrolará durante varias horas, rematando preto da noitiña.

Esta actividade cultural terá lugar no forno das olas, que posúe a artesán cacharreira Pepa do Indalecio emprazado no lugar da Veiga, na mesma parroquia de Bonxe. O acto está organizado pola asociación Canaveira dentro do seu programa xeral de actuacións encamiñado á conservación e posta en valor da cerámica tradicional.

Deste modo, o acto previsto é continuación dos cocedoiros realizados o pasado ano no forno de Lulle (Samos) e da publicación editada polo CENTRAD da Deputación de Lugo “Formas Tradicionais da Cerámica Popular. Samos” na cal se presenta unha achega á fabricación de cacharros de barro nas terras do concello samonense.

Ao remate da xornada (das 17.00 en diante), convidarase ás persoas asistentes con empanadas e castañas que se asarán no forno situado, así mesmo, ao carón do Obradoiro da artesán chairega onde se realizará este cocedoiro de cacharros.

O luns día 21, a partir das 12.00 horas, procederase a descargar o forno tendo en conta que os cacharros xa estarán fríos.

Presentación

Das catro zonas oleiras da provincia de Lugo, Bonxe, Gundivós, Mondoñedo e Samos, a de Samos foi, probablemente, a menos coñecida e estudada. Da cerámica de Samos existen referencias documentais seculares que certifican a existencia e implantación da actividade oleira na zona, cando menos, desde o século XVIII. As investigacións vertidas neste libro móstrannos a existencia desta actividade artesá nas parroquias de Calvor, Renche, Romelle ou Santa María de Loureiro. Un oficio que fica na memoria de moi poucos veciños e que se testemuñou vivo ata os primeiros anos da década dos cincuenta do século XX. As súas formas, tipoloxías, técnicas e lugares de desenvolvemento son traídos á luz con este traballo, que nos devolve a todos os útiles creados durante centos de anos para o uso diario, un conxunto de cacharros que lle serviu ben e de forma duradeira ao día a día das comarcas do sur da nosa provincia, aspecto que se referencia no estudo de cada unha das pezas, certificando a súa procedencia e lonxevidade.

Os barraxeiros ou louceiros, como se coñeceu na zona o oficio, foron un colectivo de artesáns asentado nas terras circundantes ao antigo couto do mosteiro bieito de Samos, tamén implicado na produción, tal e como nos mostra un dos fornos catalogados no traballo que lles estamos a presentar. Ademais das súas formas propias, a cerámica de Samos destaca polos seus fornos, xa que presentan unhas características particulares que os diferencian doutros ámbitos xeográficos de produción oleira na provincia de Lugo e en Galicia. Estes fornos teñen dúas cámaras separadas, una superior para a cocción e outra inferior para a combustión da leña, ademais, nalgún dos casos que se referencias, trátase de edificacións que forman parte do conxunto construtivo da vivenda. O traballo lévanos, tamén, polas canles de distribución e venda destes cacharros: as feiras. Tres feiras, para sermos concretos, son citadas: a da Asfarrapa, en Santiago de Cedrón, a de Castrocán e a da Campa da Choza, na Ponte de Lóuzara. As tres situadas en cruzamentos de camiños, puntos de encontro onde se xuntaban os nosos antergos para o comercio e intercambio, lugares de seu para a venda dos produtos, elaborados polas persoas que se dedicaban ao exercicio de diferentes oficios tradicionais.

O estudo abarca todo o conxunto de elementos imprescindibles que rodean as pezas, os obxectos. Elementos materiais como fornos, apeiros, obradoiros ou os lugares de extracción dos barros, centos de comercialización pero, tamén, aqueles elementos inmateriais que axudan a explicar e contextualizar a orixe, a vixencia e, mesmo, a extinción do oficio. As técnicas, unha estrutura social ao redor da súa produción, uns lazos invisibles xorden seguindo a viaxe dos cacharros de arxila desde as lameiras aos talleres, ás feiras e ás casas que lles deron uso. Como cumio os topónimos e o nome daquelas persoas que fixeron deste oficio o seu mundo: a memoria colectiva que aínda os mantén vivos para nós.

Todas estas cuestións e outras moi importantes, como a exhaustiva catalogación de pezas -descritas con precisión e elegancia nos aspectos formais, materiais e funcionais-, que foron finalmente debulladas polos autores do traballo e ilustradas profusamente cun impresionante aparello gráfico de fotografías e debuxos, definen a oportunidade e necesidade desta nova publicación do CENTRAD. Con ela poñemos en valor a olería tradicional galega, traemos ao presente a histórica zona de produción de Samos, fomentando o seu coñecemento para poder divulgar unha parte esencial do patrimonio cultural e artesán da nosa provincia, ao tempo que contribuímos a preservalo da súa desaparición no fuscallo do esquecemento.

Darío Campos Conde

Presidente da Deputación provincial de Lugo